xoves, 20 de xuño de 2024

VISITA A BETANZOS CO CLUB DO CPI VIRXE DA CELA

 

Os clubs de lectura do IES Eusebio da Guarda continúan estreitando lazos co club do CPI de Monfero. Xa o ano pasado compartiramos unha posta en común das experiencias desenvolvidas ao longo do curso que tivera lugar na igrexa do mosteiro de Monfero. Esta acción conxunta inseriuse no programa de actividades finais do curso 2022-2023; ao fío das lecturas do Cancioeiro de Monfero de Xosé Mª Álvarez Blázquez, e de Roxín Roxal, de Manel Cráneo e Brais Fierro, realizamos un roteiro polas terras do Eume, desde a Torre de Andrade ata o Mosteiro de Monfero, ademais dun percorrido a pé polas fragas ata o espectacular Miradoiro da Carbueira.

Así pois, este curso 2023-2024, para continuar desenvolvendo actividades conxuntas, programamos para o 10 de xuño unha xornada en Betanzos, a medio camiño entre os dous centros, que nos serviu como punto de encontro para poñermos en común as nosas impresións sobre as lecturas, tamén este ano ambientadas nesta área mariñá: No corazón do bosque, de Agustín Fernández Paz, O segredo de Al’Eume, de Pilar Ortega Pereiro, e Trobadores da terra de Betanzos, unha edición de Leticia Eirín, Manuel Ferreiro e Teresa López das cantigas medievais de María Balteira, Pedro Amigo de Sevilha, Pero de Armea e Pero de Ambroa.

Realizamos un interesante roteiro, “Betanzos en feminino”, onde a nosa guía nos foi explicando os puntos clave da Cidade dos Cabaleiros nos cales destaca o papel da muller: a fonte onde antigamente collían auga, unha farmacia que foi das primeiras en ter unha muller como titular, e descubrimos a interpretación da simboloxía feminina na fachada da igrexa de Santa Mª do Azougue.

Como eramos un grupo numeroso, mentres un grupo realizaba este percorrido, outro visitaba a libraría Biblos e mais o CIEC, e despois intercambiámonos. Biblos é unha libraría que exerce tamén de centro cultural, pois alí se realizan actividades como presentacións, charlas, etc. O CIEC é unha prestixiosa escola e obradoiro de estampación. Fomos estupendamente recibidos polas persoas responsables que nos explicaron moi amablemente o funcionamento e a importancia destes lugares.

Seguidamente, á hora de xantar, reunímonos no parque do Pasatempo, onde se produciu o intercambio de experiencias e agasallos, e rematamos dando un paseo pola beira do Mandeo.

En definitiva, foi unha xornada moi fermosa e ben aproveitada. Quedamos con vontade de continuarmos o próximo curso o “irmanamento” entre os nosos centros, de dúas contornas tan diferentes, pero que as lecturas comúns son quen de unir.

Velaquí tedes a reseña da nosa xuntanza no seu blog Larpacontos:

https://larpacontos.blogspot.com/2024/06/roteiro-literario-e-monumental-pola.html



Ningún comentario:

Publicar un comentario