martes, 18 de xuño de 2024

ENTREVISTA A EVA MEJUTO, AUTORA DE 22 SEGUNDOS

O 28 de maio recibimos no instituto a escritora Eva Mejuto, autora de varios libros de literatura infantil e xuvenil como A casa da mosca chosca, Memoria do silencio, A ladroa do pazo de Meirás ou 22 segundos. Prestouse amablemente a responder as preguntas do alumnado do club de lectura de 4º ESO.


  1. A que idade comenzaches a escribir ?


É unha pregunta un pouco complicada, unha cousa é escribir e outra publicar. Cando dis a que idade empezaches, eu prefiro dicir a que idade publicaches por primera vez; o meu primeiro libro foi en 2002, A casa da mosca chosca, que é un conto infantil. Pero escribín antes dunha manera casual, escribía contiños para regalar. Como non tiña diñeiro para facer regalos á miña familia, escribía libros en follas de papel, grampábaos e regalábaos, supoño que escribín desde moi pequena, non me lembro, e a publicar desde o ano 2002. 


  1. Cal foi a túa motivación para dedicarte a ser escritora?


Creo que foi un pouco de casualidade. Eu estaba traballando nunha editorial que se chama Kalandraka e había unha colección que se chamaba “Os contos tras o comodín”, que eran contos de tradición oral de moitos países. Entón dixéronme: “Por que non fas un conto para esta colección?” E foi un pouco de proba; eu coñecía uns contos tradicionais rusos, e houbo un que me fixo moita graza, dunha mosca que facía unha festa para inaugurar o seu fogar.


  1. Que é o que máis che gusta de escribir?


O que máis me gusta de escribir é cando tes encontros cos lectores e lectoras. Escribir é un oficio solitario, e para min eses encontros son un acto de comunicacion que ten sentido cando teño enfronte a alguén con quen falar e que me diga se o libro lle gustou ou non; iso é oue máis me gusta, os encontros onde o público che conta o que lle gustou, o que o divertiu, o que o emocionou e o que o moveu por dentro. Faise una conexion moi bonita e iso encántame.


  1. Hai un xénero literario que prefiras escribir?


Gústame o conto; agora descubrín que me gusta tamén escribir teatro porque dentro da narración, da novela, gústame moito escribir diálogos, e o teatro é diálogo. Pero gústame moito escribir contos para nenos pequenos e sobre todo se son divertidos. É divertido, é un xogo, fas rir, e facer rir, creo que é unha cousa ben chula.


  1. Dedícaste a algunha outra actividade?


Si, eu escribo nos meus tempos libres como case toda a xente que escribimos en  Galicia, quitándolle horas ao sono, ao tempo libre, á familia e ás vacacións. Pero o meu traballo é de xestora cultural e organizo actividades culturais de distintas temáticas, de literatura, LGBT, de memoria histórica…


  1. Que che gusta ler?


Gústame ler un pouco de todo, pero sobre todo novela realista; poesía tamén me gusta, e dependendo do momento, novela xuvenil. Por exemplo unha autora que me gusta moito é Almudena Grandes.


  1. Que te inspirou para escribir 22 segundos?


A min non me gusta a palabra inspirar, porque a inspiración non existe, existen cousas que che dan impulso, que che dan ganas de contar, que che dan ganas de escribir. Foi a raíz dun documental que vin que se chama El sexo sentido, cando tiven o meu primeiro contacto coa infancia trans. E apeteceume contar un conto para nenos pequenos, que non saíu, quedou no camiño. Ese foi o cerne de 22 segundos. Pero non é inspración! A palabra inspiración eu creo que se usa mal; escribir é ler, traballar, estar no mundo cos ollos e as orellas abertas, e pasar moitas horas aí, dándolle.


  1. 22 segundos ten unha base real?


Si, 22 segundos está inspirado nalgúns youtubers, como Álex, o protagonista, pero a historia de Álex en boa medida é a historia de Marcos Deive, un rapaz que coñecín de Cangas. Boa parte das anécdotas que se contan no libro son inspiradas na súa vida, e da vida doutros mozos trans que coñecín e que escoitei noutras canles de Youtube e que utilicei como fontes no libro.


  1. Tes algunha obra favorita entre as que escribiches?


Si, unha que se chama Cando leo. É un álbum ilustrado moi breve, case como un poema, que escribín na pandemia con Bea Gregores que é unha ilustradora magnífica. Aí intentei expresar o meu agradecemento ao mundo dos libros e da lectura


  1. Tes previsto publicar algún libro proximamente?


Pois agora estou escribindo un libro, mellor dito, xa o escribín, estouno repasando, cos meus cans, co meu can e a miña cadela; é para nenos pequenos, entón o can e a cadela contan cadanseu capítulo, tiven que meterme na mente dos meus cans para contar esa historia e foi moi divertido, porque non sabía como pensaban os cans pero foi interesante facer ese exercicio.


Moitas grazas, Eva, pola túa atención e ata a próxima.


Mara Balay Martínez

Estela Cid Maceiras

Jhostin Gonzales Huacacolque

Aurora García Loureiro

Gerrard Pisfil Correa

Noa Sánchez Cambeiro


Ningún comentario:

Publicar un comentario