A profesora Mónica Lourido Santiso animou este club que iniciou a súa actividade no mes de febreiro de 2024, coincidindo co día de Rosalía de Castro. Inicialmente anotáranse 33 alumn@s, mais regularmente asistían arredor de 12 alumn@s.
A xuntanza realizábase semanalmente, os xoves no segundo recreo. En función do número de alumnado asistente, a segunda sesión era os venres no primeiro recreo, na aula de 2º D. Nas reunións do club léronse e comentáronse poesías diversas. Interesaba saber se entenderan o contido do poema e realizar unha valoración persoal final.
A lingua dos poemas escollidos foi o galego, aínda que hai edicións bilingües en galego-castelán (Poemas de Lorca), galego-xaponés (A pousa da libélula) galego-gaélico (No país da brétema). Leron en castelán algúns haikus de Fidel Sendagorta, Por remotas veredas, da ed. Satori. Seleccionáronse poemas escritos en galego e traducidos a outros idiomas, para que puxesen en valor a nosa lingua.
Comezamos a actividade lendo poemas de Rosalía de Castro de Cantares Gallegos e Follas Novas iniciando o club o mes de Rosalía. Ademais a primeira semana leron tamén algún de Curros Enríquez e Eduardo Pondal. Mentres non chegaban os poemarios encargados do club de poesía, a docente facilitoulles algúns poemas soltos de Carlos Negro e tamén de Eduardo Estévez, Paula Carballeira, Roi Vidal ou Rosalía Fernández Rial, do poemario Arrincando marcos, editorial Positivas, para que visen outro tipo de poesía.
Ao ser Luísa Villalta a escritora homenaxeada o día das Letras Galegas 2024, leron algúns poemas da obra En concreto. Tamén leron algúns poemas soltos dos poemarios: Cartografía dos nomes de Lucía Durán, Ninguén morreu de ler poesía de Lucía Aldao e María Lado, A pousa da Libélula de Esperanza L. Mariño Davila (haikus en xaponés e galego), Herbario da noite pecha, de Lupe Gómez (premio Internacional de poesía Carlos Oroza), Médica de Garda de Begoña Graña, Por remotas veredas (haikus de Fidel Sendagorta), Dakota de Masha Álvarez (premio Victoriano Taibo 2023) e No país da brétema Gwlad y Cymylau. Antoloxía da poesía galesa contemporánea.
As lecturas que se realizaron dun xeito máis autónomo e menos dirixido foron todas en galego:
-Penúltimas tendencias, Carlos Negro, Xerais.
-Aplicación instantánea, de Carlos Negro, Xerais.
-Street poems, de Fran Alonso, Xerais.
-Poemar o mar, de Antonio García Teijeiro, col. Merlín, Galaxia.
-Seis poemas galegos de Federico García Lorca (ed. bilingüe galego-castelán).
Na última sesión escolleron un poema dos que leron e logo escribírono nunhas tarxetas en papel de cores. A continuación todos debían agasallar a un dos seus compañeiros do club cun poema, cunha dedicatoria, non quedando ninguén sen el.
Os obxectivos iniciais deste club específico eran que:
-Lesen poemas con gusto e rexeitasen a idea de que a poesía é difícil e aburrida.
-Valorasen a minuciosidade da súa elaboración, aprezando a súa beleza.
-Que nun futuro puidesen pasar á creación ou composición.
A valoración final do club de poesía é moi positiva. O alumnado que asistiu con regularidade amosou interese pola poesía e aprezou a súa beleza, incluso a dos poemas que lles resultaban máis difíciles de comprender por mor da súa idade. O vindeiro ano estaría ben continuar con este proxecto e promover a escritura creativa.
Para rematar, a profesora destaca o enriquecedor do encontro co alumnado de Monfero en Betanzos; pareceulle moi interesante esta excursión para o club de lectura, ese coñecer Betanzos en feminino acompañados pola guía do concello, así como as visitas á libraría Biblos e ao Centro Internacional da Estampa Contemporánea, onde o alumnado puido coñecer o CIEC e constatar a relación das artes gráficas e a literatura.
Ningún comentario:
Publicar un comentario