venres, 5 de maio de 2023

LECTURA CONTINUADA SOLIDARIA NO EUSEBIO DA GUARDA

Iniciativa solidaria no IES P Eusebio da Guarda en honra da escritora Rosalía de Castro, no 160 aniversario da publicación de Cantares Gallegos

O pasado luns 27 de marzo, organizado pola Vicedirección do centro e coincidindo co Día dos escritores e escritoras, celebrouse no IES P Eusebio da Guarda un maratón de lectura solidario en honra de Rosalía de Castro, unha muller que o deu todo polo seu pobo e pola súa lingua. Ademais, co gallo do 160 aniversario da publicación de Cantares Gallegos, decidiuse recuperar esta lectura ininterrompida tras dous anos sen poder facelo debido á pandemia. Esta cita literaria foi acollida con entusiasmo pola comunidade educativa, e tivo asemade unha vertente solidaria, pois serviu para recadar fondos destinados á Cociña Económica. Hai que cultivar a mente, pero tamén o corazón!

Ao longo da xornada diversos grupos de ESO e Bacharelato foron realizando as lecturas máis diversas, desde textos da homenaxeada Rosalía ata artigos de divulgación científica e tecnolóxica, mais abundaron as lecturas literarias. Leuse en grego, latín, inglés, francés, castelán e galego, e mesmo nun momento, o salón de actos acolleu a figura da propia Rosalía de Castro, que foi entrevistada polo alumnado do club de lectura, xunto coa actual directora Isabel Ruso e a coordinadora de Bacharelato Beni Vidal.

O alumnado mostrou un grande interese por esta actividade e ofrecéronse numerosos voluntarios para realizar as lecturas. Estas iniciativas ofrecen a oportunidade de homenaxear figuras destacadas da nosa literatura e achegar a mocidade á súa lingua nai, permitíndolles practicar a lectura diante dun público máis aló dos textos académicos.

Desfrutade agora desta reportaxe que desde o club de lectura realizamos sobre o evento.

https://youtu.be/vjz3TZ60B_Y

Manuel Carrasco, Elba Cardesín e Natalia Gómez

Club de lectura Libros abertos












domingo, 23 de abril de 2023

Premios Minerva 2023

O pasado mércores 12 de abril celebrouse no Colexio Peleteiro de Santiago de Compostela a cerimonia de entrega dos premios Minerva ao alumnado gañador. Do IES Eusebio da Guarda resultaron premiados co 3º premio de narración “A gran tormenta”, traballo de Marta Rodríguez González de 1º bach F, que participa no club de lectura de 1ºbach e 4º ESO; na mesma modalidade de narración foi galardoado co 1º accésit “Vivir morto”, o traballo de Samuel López García de 1º bach E. 

Na compaña de familiares, membros do profesorado e a directora Isabel Ruso de Lago, Marta e Samuel recolleron cadanseu galardón ao remate dun acto onde todos os participantes, especialmente o escritor mentor Antonio García Teijeiro, premio nacional de poesía en 2017 polo seu libro Poemar o mar, animaron aos novos escritores e escritoras a perseverar no camiño da escrita. 

Desde o club de lectura dámoslles os parabéns polo seu entusiasmo e implicación no camiño da creación literaria e o seu compromiso coa nosa lingua. Parabéns!!!

https://www.youtube.com/watch?v=_XZDJdWxG3Y (Vídeo do acto. Marta e Samuel a partir do minuto 23) 

https://peleteiro.com/actualidad/noticia/o-colexio-m-peleteiro-reconece-os-traballos-en-galegodunha-ducia-de-estudantes-nos-premios-literarios-minerva-3

 https://www.elcorreogallego.es/santiago/2023/03/11/lara-torea-suarez-carla-crespo-84465592.html


























martes, 18 de abril de 2023

Lecturas compartidas cos máis pequenos do Eusebio, co club de lectura de 1º ESO

Para celebrar o 20 de marzo, Día Mundial da Narración Oral, o club de lectura

de 1º da ESO preparou un contacontos para o alumnado do veciño CEIP Eusebio da

Guarda. Organizaron seis sesión e convertéronse en contadoras de historias para os tres

cursos de Infantil así como para 1º, 2º e 3º de Primaria.


As obras elixidas para Infantil foron Madrechillona, O peizoque Roque e A

Cebra Camila. As nosas alumnas acompañaron as narracións con paneis moi vistosos,

cancións e bailes. Os pequenos estaban tan entusiasmados que tiveron que improvisar e

contarlles moitos contos máis dos que levaban preparados.


Para os primeiros cursos de Primaria, as obras elixidas foron O monstro

de cores, conto para o que as narradoras prepararon materiais moi vistosos, unha canción

e un baile, e varios relatos da obra Cuentos en verso para niños perversos, para os que

as nosas contadoras se caracterizaron e representáronos de modo teatral.


Esta actividade resultou moi bonita e satisfactoria tanto para as

narradoras como para os atentos oíntes. Unha experiencia para lembrar!













venres, 31 de marzo de 2023

Obradoiro "Almas meraki" na biblioteca infantil e xuvenil

O martes 28 de marzo aceptamos o convite de Betty e Lorena, as bibliotecarias do club de lectura da biblioteca infantil e xuvenil e participamos nun interesante obradoiro sobre relacións afectivas da man de Sara Vierna Fernández. Aprendimos moitísimo, reflexionamos e intercambiamos opinións e impresións. Foi unha tarde moi ben aproveitada.








mércores, 8 de marzo de 2023

XUNTANZA DE CLUBS DE LECTURA IES EUSEBIO DA GUARDA – BIBLIOTECA INFANTIL E XUVENIL

O pasado venres 24 de febreiro na biblioteca do IES Eusebio da Guarda tivo lugar unha actividade conxunta dos clubs de lectura do instituto e mais o da biblioteca municipal infantil e xuvenil de Durán Loriga, dentro das actividades conxuntas que vimos deseñando ao longo deste curso. Continuando con elas, o luns 6 de marzo asistimos conxuntamente os clubs de lectura e o grupo Iguais na diversidade a unha charla interactiva no salón de actos do noso IES, como presentación do obradoiro “Almas meraki” sobre relacións afectivas, que se desenvolverá na biblioteca municipal o 28 de marzo, no cal estamos convidados/as a participar. 

Xa no mes de decembro iniciamos esta colaboración coa visita dos clubs de lectura do Eusebio á biblioteca municipal, onde as bibliotecarias explicaron a súa organización e mais as actividades que nela se levan a cabo, ademais de realizarmos unha serie de interesantes pescudas e reflexións literarias guiadas pola súa man. Agora foi a nosa quenda de recibir a súa visita, coa asistencia de alumnado, profesorado e as bibliotecarias Bety e Lorena. 

Comezamos por presentarnos e comentar as lecturas e actividades que se están levando a cabo nos clubs de lectura. Así mesmo, puidemos coñecer o noso blog “Libros abertos” onde visibilizamos as actividades que imos realizando. A continuación desfrutamos dunha visita guiada da biblioteca, tanto da sala principal como da anexa e mais o faiado, onde podemos atopar os libros máis antigos, prezados e misteriosos da biblioteca. 

A seguir, participamos por parellas nun xogo de pistas arredor do tema do amor e as relacións afectivas. Por parellas fomos desvelando os segredos de cada unha das pistas, que nos levaron a xuntar unha serie de libros relacionados coas relacións afectivas: 22 segundos de Eva Mejuto, Cobiza de María Reimóndez, Follas novas de Rosalía de Castro, Senlleiras de Antía Yáñez, O único que queda é o amor de Agustín Fernández Paz, O lapis do carpinteiro de Manuel Rivas, Que me pare o corazón se te esquezo de Andrea Maceiras, Scórpio de Ricardo Carvalho Calero, Ámote Leo A. de Rosa Aneiros, e O sol do verán de Carlos Casares. Estas obras suscitaron un animado coloquio, unhas persoas leran uns, outras outros, e outras ningún deles; intercambiamos impresións e pareceres, non por dispares menos enriquecedores, espertando así o interese polas novas lecturas a fío dun animado debate literario. 

Por último, a nosa convidada especial, Violeta Meléndrez Doval (@littera_lupa) centrouse nunha destas obras, Que me pare o corazón se te esquezo, de Andrea Maceiras. De recente publicación (setembro 2022), esta novela aborda temáticas como as relacións tóxicas, a manipulación a través das redes sociais, ou os lazos afectivos que se crean a través do universo virtual. Para rematar, Violeta agasallounos cunhas fermosas postais realizadas por ela a partir de diversas citas da obra. Un detalle precioso pola súa parte. 

Despedímonos coa ilusión e a esperanza de novos encontros, con ideas de novas lecturas a bulirnos nos miolos e co corazón un pouquiño máis grande grazas á grata experiencia que acabaramos de vivir.




















domingo, 19 de febreiro de 2023

COLABORACIÓNS COA BIBLIOTECA INFANTIL E XUVENIL

Neste mes de febreiro seguimos colaborando coa biblioteca infantil e xuvenil. Estamos moi emocionadxs porque o próximo venres 24 recibimos o seu club de lectura xuvenil na nosa biblioteca, e contaremos coa colaboración da bookstagramer Violeta Meléndrez Doval @litteralupa, e en marzo participaremos nun interesante obradoiro sobre relacións afectivas titulado "Almas meraki", coa relatora Sara Vierna Fernández. Contando os días que faltan!