venres, 31 de marzo de 2023

Obradoiro "Almas meraki" na biblioteca infantil e xuvenil

O martes 28 de marzo aceptamos o convite de Betty e Lorena, as bibliotecarias do club de lectura da biblioteca infantil e xuvenil e participamos nun interesante obradoiro sobre relacións afectivas da man de Sara Vierna Fernández. Aprendimos moitísimo, reflexionamos e intercambiamos opinións e impresións. Foi unha tarde moi ben aproveitada.








mércores, 8 de marzo de 2023

XUNTANZA DE CLUBS DE LECTURA IES EUSEBIO DA GUARDA – BIBLIOTECA INFANTIL E XUVENIL

O pasado venres 24 de febreiro na biblioteca do IES Eusebio da Guarda tivo lugar unha actividade conxunta dos clubs de lectura do instituto e mais o da biblioteca municipal infantil e xuvenil de Durán Loriga, dentro das actividades conxuntas que vimos deseñando ao longo deste curso. Continuando con elas, o luns 6 de marzo asistimos conxuntamente os clubs de lectura e o grupo Iguais na diversidade a unha charla interactiva no salón de actos do noso IES, como presentación do obradoiro “Almas meraki” sobre relacións afectivas, que se desenvolverá na biblioteca municipal o 28 de marzo, no cal estamos convidados/as a participar. 

Xa no mes de decembro iniciamos esta colaboración coa visita dos clubs de lectura do Eusebio á biblioteca municipal, onde as bibliotecarias explicaron a súa organización e mais as actividades que nela se levan a cabo, ademais de realizarmos unha serie de interesantes pescudas e reflexións literarias guiadas pola súa man. Agora foi a nosa quenda de recibir a súa visita, coa asistencia de alumnado, profesorado e as bibliotecarias Bety e Lorena. 

Comezamos por presentarnos e comentar as lecturas e actividades que se están levando a cabo nos clubs de lectura. Así mesmo, puidemos coñecer o noso blog “Libros abertos” onde visibilizamos as actividades que imos realizando. A continuación desfrutamos dunha visita guiada da biblioteca, tanto da sala principal como da anexa e mais o faiado, onde podemos atopar os libros máis antigos, prezados e misteriosos da biblioteca. 

A seguir, participamos por parellas nun xogo de pistas arredor do tema do amor e as relacións afectivas. Por parellas fomos desvelando os segredos de cada unha das pistas, que nos levaron a xuntar unha serie de libros relacionados coas relacións afectivas: 22 segundos de Eva Mejuto, Cobiza de María Reimóndez, Follas novas de Rosalía de Castro, Senlleiras de Antía Yáñez, O único que queda é o amor de Agustín Fernández Paz, O lapis do carpinteiro de Manuel Rivas, Que me pare o corazón se te esquezo de Andrea Maceiras, Scórpio de Ricardo Carvalho Calero, Ámote Leo A. de Rosa Aneiros, e O sol do verán de Carlos Casares. Estas obras suscitaron un animado coloquio, unhas persoas leran uns, outras outros, e outras ningún deles; intercambiamos impresións e pareceres, non por dispares menos enriquecedores, espertando así o interese polas novas lecturas a fío dun animado debate literario. 

Por último, a nosa convidada especial, Violeta Meléndrez Doval (@littera_lupa) centrouse nunha destas obras, Que me pare o corazón se te esquezo, de Andrea Maceiras. De recente publicación (setembro 2022), esta novela aborda temáticas como as relacións tóxicas, a manipulación a través das redes sociais, ou os lazos afectivos que se crean a través do universo virtual. Para rematar, Violeta agasallounos cunhas fermosas postais realizadas por ela a partir de diversas citas da obra. Un detalle precioso pola súa parte. 

Despedímonos coa ilusión e a esperanza de novos encontros, con ideas de novas lecturas a bulirnos nos miolos e co corazón un pouquiño máis grande grazas á grata experiencia que acabaramos de vivir.