domingo, 19 de febreiro de 2023

COLABORACIÓNS COA BIBLIOTECA INFANTIL E XUVENIL

Neste mes de febreiro seguimos colaborando coa biblioteca infantil e xuvenil. Estamos moi emocionadxs porque o próximo venres 24 recibimos o seu club de lectura xuvenil na nosa biblioteca, e contaremos coa colaboración da bookstagramer Violeta Meléndrez Doval @litteralupa, e en marzo participaremos nun interesante obradoiro sobre relacións afectivas titulado "Almas meraki", coa relatora Sara Vierna Fernández. Contando os días que faltan!





Club de lectura de adultxs

 No club de lectura de adultxs estamos lendo obras en francés tan interesantes como a banda deseñada King Kong theorie, de Virginie Despentes, considerado pola crítica como o manifesto dun novo feminismo, ou Petit pays, novela de Gaël Faye ambientada en Burundi, onde Gabriel rememora a súa infancia desde a nostalxia da madurez. Bonne lecture!



Club de lectura de 3º ESO en lingua francesa

No club de lectura de 3º ESO iniciamos o curso coa lectura dos Dereitos do lector definidos polo escritor Daniel Pennac no seu libro Comme un roman, un ensaio de 1992 no que Pennac, que foi profesor de literatura nun instituto, reflexiona sobre as razóns de por que a xente nova non le. Aínda que cambiaron moito os tempos coas novas tecnoloxías, a lectura destes dereitos segue sendo moi interesante e convídanos tamén á súa análise. Os debuxos son do ilustrador Quentin Blake que seguro que coñecemos polos libros de Roal Dahl. A mensaxe final deste decálogo é que a lectura debe ser un pracer, nunca unha obriga.

Ao longo do curso imos ler e escoitar cinco cancións que son clásicos da historia da chanson française.

  • A primeira delas é “J’aime Paris au mois de mai”, unha canción do ano 1965. Nós escoitamos a versión máis recente e cantada polo propio Aznavour con 90 anos e a coñecida cantante Zaz. Existe tamén unha bonita versión de Zaz e Pablo Alborán, cunha parte en castelán. Aznavour é de orixe armenio e compuxo centos de cancións nunha extensa carreira na que foi tamén poeta, actor e diplomático. Esta canción permitiunos traballar o vocabulario da paisaxe, natural e urbana, e descubrir detalles de París.

  • A segunda canción, aproveitando a semana de San Valentín, foi “La complainte de la butte”. Unha complainte é unha canción triste. Neste caso o decorado volve ser Paris, as escaleiras de Saint Vincent, que soben a Montmartre, e os protagonistas, un poeta e unha esmoleira moi nova coa que se cruza unha soa vez pero á que dedica esta fermosa poesía. Compúxoa Jean Renoir, en 1955, para a película French Cancan, que tamén dirixiu. Esta tema aparece na banda sonora da famosa película musical Moulin Rouge, de 2011. Nós escoitamos a versión de Zaz de 2014. 

  • Este ano continuamos un proxecto iniciado o curso pasado, o de representar a novela adaptada para o seu nivel “La tulipe noire” de Alexandre Dumas, unha obra de 1850. O argumento é o seguinte: o afillado de Cornelio de Witt, Cornelio van Baerle, indiferente aos vaivéns políticos, só pensa en lograr un tulipán negro, polo que a Sociedade Hortícola de Haarlem ofrece unha recompensa de 100.000 floríns. Os seus plans serán truncados pola acusación de traizón que pesa contra el, e polos plans de Boxtel, un veciño envexoso, que conseguirán que ingrese en prisión. Con todo, o amor da bela Rosa, filla dun carcereiro, logrará que finalice os seus propósitos. Este breve texto proponnos á súa vez unha representación en tres actos da historia do tulipán negro, que é só unha parte da novela histórica ambientada na Holanda de 1672. Estamos no proceso de ensaio, procura de decorados, vestiario e accesorios para poder gravar a peza a final de curso. Todos os membros do grupo terán un papel como personaxes ou escenógrafos. 

  • Posto que a obra se sitúa en 1672, no século do rei Luís XIV, leremos un texto de contido histórico, relacionado coa vida do chamado Roi Soleil, que nos explica o estrito cerimonial dunha xornada rutineira do monarca (recursos didácticos de fr.islcollective.com).









martes, 7 de febreiro de 2023

"Que me pare o corazón se te esquezo" e "Be water", redes sociais e nova distopía

No club de lectura de 4ºeso e 1º bach seguimos no camiño lector das distopías, esta vez con Be water de Antía Yáñez. E como febreiro é un mes especialmente dedicado ao amor, entramos no mundo dos retos nas redes sociais con Que me pare o corazón se te esquezo, de Andrea Maceiras. Boas lecturas!



mércores, 1 de febreiro de 2023

22 segundos, de Eva Mejuto

De primeiras é un bo libro: relativamente curto, sen un número excesivo de personaxes,
sen nomes complicados ou moi semellantes entre eles e un bo uso do galego. Non obstante,
precisamente nestes puntos, de entrada positivos, radican os seus puntos febles.

O primeiro: a súa lonxitude. Que un libro sexa curto non é sinónimo de que non sexa bo.
Moitas veces isto é ao contrario. Non obstante, esta obra falla en manter a súa narración de
forma adecuada. O protagonista está a contar as súas vivencias ao longo de anos dende unha
perspectiva futura e, polo tanto, sen un gran número de detalles. Porén, iso non
xustifica a absurda velocidade coa que observamos pasar dun evento a outro. Hai moitos
momentos que claramente necesitarían un pouco máis de tempo para procesar o que o
personaxe medite, aínda que sexa durante unha páxina. Por riba disto, o tamaño da letra e o
espazado entre liñas é excesivo. Pódese deixar pasar que os capítulos sexan tan curtos, mais
isto está pisando a liña do permisible. Ademais, practicamente tódolos capítulos rematan ao
comezo da páxina, e o reservo tamén está en branco. É dicir, o libro é en realidade incluso máis
curto do que aparenta a simple vista.

Seguindo a liña das incongruencias na narración, non me parece serio que o autor queira que creamos que existe unha lei do karma tan clara. Literalmente cada vez que pasa algo relativamente bo, ségueo algo catastrófico: o protagonista pregúntase que quizais non se considera unha rapaza? O avó cae enfermo. Non só iso, senón que é unha enfermidade moi dolorosa e complicada de curar. Entón, por que (e cito) milagrosamente se recupera? Pois unicamente para empeorar de súpeto no momento en que o protagonista lle di á súa nai por fin que é trans. E por suposto, o avó morre xusto cando xa se acepta por completo a si mesmo. Acaso o karma a ten tomada co pobre rapaz? Por riba disto, a maioría destes eventos se agrupan nos mesmos capítulos. Sepáranos dúas semanas? Non: suceden o mesmo día. E a autora queda así de fresca.  Por outra banda, na segunda metade do libro, vese que a autora tiña moitas ideas pero non quería prolongalo. É unha tristeza que o que nun primeiro intre prometía tanto remate sendo insuficiente.

Outro punto: os personaxes. Moi poucos, a maioría sen apenas aparicións. O peor? As máis relevantes teñen unha mala construción e/ou evolución. Vou poñer un único exemplo: Anxo, o capitán do equipo de fútbol na primaria. Ten unha gran rivalidade co protagonista e, de súpeto, ao comezar a secundaria xa son amiguiños. Que pasou que non nos contan? Sinceramente espero que a autora non estea a esperar que o lector crea que o paso á secundaria xustifica calquera cambio no comportamento. A ver, que a obra está dirixida principalmente a adolescentes; que eu mesma pasei por ese cambio de escola a instituto e podo dicir con firmeza que non hai un momento máxico ao entrar polas portas da secundaria que fai “puf, pim, pam, pum” e xa está, un madura. Eu e calquera estudante ao que se lle pregunte o sabe.

Estou segura de que os adultos tamén o saben, especialmente o profesorado. Entón, que pasou? Esqueceuno ou non lle deu importancia? Quizais, e unicamente se intento pescudar a xustificación, poidamos apelar ao sentimento de grupo, pertenza, piña, etc. Pero non semella realista que os insultos que Anxo profería contra o protagonista no colexio, de repente sexan inadmisibles cando os din outros do instituto. Se nin sequera podemos dicir que non se viran nos tres meses de vacacións, que viven na mesma vila. E ademais nunha vila pequena.

En resumo: o personaxe non parece ben construído. O seu comportamento e accións non se xustifican. Podo diseminar isto a través doutros personaxes (como a nai, que a comezos da páxina non comprende o cambio de rapaza a rapaz do seu fillo e, milagrosamente (igual de milagroso que os xiros dramáticos da enfermidade do avó) sete liñas despois enténdeo e acéptao completamente.

Finalmente: a linguaxe. En realidade non creo que teña nada negativo. É agradable de ler. Non obstante, algunhas expresións non semellan ser doadas de comprender para alguén que estea a estudar galego, ou que non o escoite a diario. Por suposto, isto pode ser unha paranoia miña. Finalmente, eu diría que a lingua que emprega é o mellor da obra, o que a salva e permite que lle dea un aprobado con marxe.





Elba Mencía Cardesín, 1º Bach B (club de lectura en lingua galega de 4º ESO e Bach).