luns, 1 de xullo de 2019

BD, manga e álbum ilustrado

Neste curso que vimos de rematar, no clube de lectura Libros Abertos continuamos coas actividades de difusión da BD galega máis recente. o alumnado participante este ano descubriu así novos universos literarios da man de Miguelanxo Prado con De profundis ou Ardalén, de Miguel Roca con Engurras, de Satrapi con Persépole, e mesmo coñeceron as últimas novidades como o manga galego Tam, de Anémona de Río. Os resultados foron moi positivos, e o entusiasmo suscitado polas novas lecturas deu lugar a longas conversas ben produtivas sobre literatura, arte, igualdade... O ano que vén repetimos!!!



Comezouse a xestar unha actividade que uniu teatro, relato, reciclado, artes plásticas e música. Tomou corpo a raíz da proposta de lerlles aos máis pequechos, retomando a actividade do curso pasado que tanto éxito tivo: lecturas na Galiña Azul, a galescola da Barcala. Finalmente adaptamos o relato do álbum ilustrado A nena á que non deixaban ser feliz, de Miguel Ángel Alonso Diz ilustrado por Luz María Beloso, para teatro de monicreques. As alumnas crearon os personaxes, os escenarios, adaptamos unha música para a canción final, e o resultado foi estupendo e sorprendente. Os nenos e nenas da escola infantil pasárono moi ben e nós, no clube de lectura, tamén.