venres, 25 de abril de 2025

OBRADOIRO DAS LETRAS GALEGAS NO CEIP EUSEBIO DA GUARDA

                            

As alumnas do club de lectura de 2º bach desenvolveron o xoves 10 de abril unha fermosa actividade no CEIP Eusebio da Guarda para dar a coñecer o labor das Cantareiras, homenaxeadas polas Letras Galegas neste ano. A primeira hora da mañá, a dirección e profesorado do centro presentou a Lola, Paloma, Xulia, Alejandra, Ariadna e Carla, que lles explicáron aos nenos e nenas de 2º de EP quen eran as Cantareiras, a súa importancia, os instrumentos que utilizaban e como son os seus cantares. Dunha forma moi participativa, a rapazada puido mesmo probar a tocar as cunchas ou a pandeireta, e tamén aprendeu a aturuxar.

Seguidamente, fixeron unha demostración de canto e baile tradicionais. Para isto escolleron dúas pezas de Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre recollidas na zona de Bergantiños, e así, acompañaron o canto da Muiñeira de Limiñoa e da Xota de Lira co pandeiro e a pandeireta. A terceira peza interpretada foi o pasodobre Ole laranxiña, recollido en Laxoso (Pontecaldelas), e convidaron ás nenas e nenos a bailalo por parellas. Tivo tanto éxito que houbo que repetila!

Para o alumnado participante resultou un comezo de xornada moi animado e divertido, aprendendo unha chea de cousas novas. As rapazas de 2º bach desfrutaron moito da experiencia, e como fin de festa houbo aplausos, apertas e agasallos, que lles deron ganas de volver para outra vez. Foi moi emotivo, pois algunhas das rapazas de 2ºbach estudaran alí a Primaria. 

Damos as grazas á Dirección e ao profesorado do CEIP Eusebio da Guarda por tan boa acollida ás súas exalumnas, que axiña serán tamén exalumnas do IES.