domingo, 16 de marzo de 2025

Lapislázuli e A caída de Guiomar. Alba Rozas no club de lectura de 3º ESO E

No club de lectura de 3º ESO E estamos namorándonos de Alba Rozas. Uns len un, outros/as len o outro. A verdade é que estas lecturas fantásticas teñen o poder de enganchar ao lector/a ata o punto de non poder deixar de ler ata que se acaba o libro. 



Club de lectura de poesía en 3º ESO

Este curso, despois de moito pedir por el, púxose en marcha desde hai varias semanas o club de lectura de poesía, cunha importante novidade: é poesía plurilingüe, pois vai da man do profesor de Francés François Davo e da profesora asistente de Inglés, Jenna. Está sendo todo un éxito!











Club de lectura de ciencias

No club de lectura de ciencias este ano están a ler El viaje de la evolución no segundo recreo dos xoves co profesor Manuel Varela Domínguez. Tes curiosidade por saber máis sobre este interesante tema? Apúntate!




Club de contacontos e teatro

Os clubs de contacontos en 3º ESO e teatro en 2º ESO levan tempo traballando, da man das profesoras Sabela Prieto e Cristina Conde. As historias e o espectáculo nunca pasan de moda!








venres, 14 de marzo de 2025

XI MARATÓN DE LECTURA ROSALÍA DE CASTRO

 

O luns 24 de febreiro de 2025 o IES Plurilingüe Eusebio da Guarda celebrou o seu tradicional Maratón de lectura no Día de Rosalía. É unha actividade que ten como finalidade fomentar a lectura oral entre a comunidade educativa do centro; alumnado, profesorado, familias e persoal non docente, poden colaborar ao longo de todo o día.

Asemade, é un maratón solidario porque os/as lectores/as poden entregar unha cantidade voluntaria que será doada á Cociña Económica, que actualmente atravesa serias dificultades para levar adiante o seu indispensable labor social.

O Maratón solidario de lectura vénse facendo desde 2014 arredor da data de nacemento de Rosalía de Castro, polo que este ano celebramos a XI edición do mesmo. Ao longo da xornada, tanto de mañá como de tarde-noite, e mesmo ao mediodía, alumnado de todos os niveis asistiu ao salón de actos acompañado polo seu profesorado para ler textos, recitar poemas, interpretar anacos teatrais, ler achegas científicas, o que se quixo e no idioma que se desexou. O importante é facelo con interese e ilusión, lendo en grupo ou individualmente, acompañados de música, baile, canto, explorando as mil e unha posibilidades que a lectura nos ofrece e que Rosalía nos transmitiu nos primeiros versos dos seus Cantares gallegos:

“Has de cantar, meniña gaiteira,

has de cantar que me morro de pena!”

A nosa Rosalía ben o sabía, a lectura e o canto alegran o espírito e abren a porta a unha infinidade de mundos por descubrir. Por iso, neste ano 2025 en que homenaxeamos polas Letras Galegas as cantareiras e o noso cancioneiro oral popular, esa obra, Cantares gallegos, cobra aínda máis importancia como referente cultural para nós, galegas e galegos, que lemos e cantamos para sermos máis felices, e levamos facéndoo desde as cantigas medievais aos días de hoxe. Galiza canta con voz de muller.

Por iso animamos a toda a comunidade educativa a participar preferentemente en galego nesta actividade, pois xa que estamos no ano Castelao, outro xenio da nosa cultura, lembremos que, nas súas palabras,

Se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma”.

Todas as fotos na seguinte ligazón:

https://www.edu.xunta.gal/centros/ieseusebioguarda/node/2044


Coordinación dos Clubs de Lectura

Vicedirección do IES Plurilingüe Eusebio da Guarda


luns, 13 de xaneiro de 2025

 Roxín Roxal, a daga do conde, é o libro que lemos ultimamente no club de 3º ESO E. Trata dunha lenda relacionada coa casa dos Andrade, señores de Pontedeume e Betanzos, na zona das fragas do Eume. 

O escudeiro Roxín Roxal, ao servizo dos condes de Andrade, estará encargado da seguridade da filla do Conde, mais un tráxico episodio que ten lugar na Ponte do Porco faino sospeitoso aos ollos do conde. Finalmente a verdade sairá á luz e Roxín Roxal, o escudeiro fino de corpo, roxo e sorrinte, quedará limpo de toda culpa, mais xa estará lonxe do castelo dos Andrade.

Gustoumos especialmente o trazo e a cor dos debuxos, ademais da historia, sinxela e cun punto de misterio. Coa escena final, Manel Cráneo e Brais Fierro deixan aberta a posibilidade dunha secuela, que esperemos que sexa axiña publicada.

alt

luns, 16 de decembro de 2024

VISITA DO CLUB DE LECTURA DE 3º ESO E Á BIBLIOTECA MUNICIPAL INFANTIL E XUVENIL DE DURÁN LORIGA



O pasado xoves 12 de decembro o alumnado de 3º ESO E que integra o Club de lectura, realizou a xa tradicional visita á Biblioteca Infantil e Xuvenil de Durán Loriga, acompañado da súa profesora do Ámbito Lingüístico e Social, Dulce Fernández Graña.

Como vén sendo habitual, fomos marabillosamente recibidos polas bibliotecarias Lorena e Betty, que nos explicaron o funcionamento da biblioteca e as diferentes posibilidades que nos ofrece, tanto como lugar de estudo e traballo como aproveitando os recursos que nos ofrece, presenciais e virtuais.

Tamén nos explicaron a maneira de facer se socia/o, que é completamente gratuíta, e que pode levarse a cabo en calquera bilioteca municipal por medio do DNI, pasaporte, tarxeta de residencia ou tamén coa tarxeta Milennium, a mesma que serve para o transporte urbano.

E como non, coñecimos as interesantes actividades e obradoiros que se organizan nela, especialmente o Club de lectura de 13 a 16 anos “O Ensanche”, que ten lugar os martes ás 18:30 cada dúas semanas, e no que aínda quedan prazas libres!

Presentáronnos materiais impresos e electrónicos, e tamén algúns dos xogos educativos que teñen na biblioteca ao dispor do público. Despois de botarmos unhas partidas de Ikonikus, un xogo de mesa ben interesante e arrequecedor, percorremos as diferentes seccións da biblioteca e fixemos a tradicional foto de grupo.

Máis unha vez, comprobamos que as bibliotecas son lugares abertos á cidadanía onde podemos viaxar ao mundo enteiro grazas aos seus recursos, e descubrir novos universos para o noso lecer.

Moitas grazas Lorena e Betty. Volveremos!

Club de lectura