xoves, 15 de decembro de 2022

Avanzamos nas lecturas

 As reunións do club de lectura de 4º ESO e 1º Bach favorecen o intercambio de opinións, a expresión dos gustos persoais en liberdade e a inesgotable aprendizaxe literaria. Tanto o mundo futurista de Cobiza como a reflexión sobre a identidade de 22 segundos permítennos integrarnos na trama das novelas e sentirnos parte delas. Así mesmo suscitamos o sentido crítico comentando aqueles aspectos que nos parecen mellorables, e... quen sabe? Quizais practicando para cando escribamos as nosas propias novelas!





xoves, 24 de novembro de 2022

Colaboración coa biblioteca municipal infantil e xuvenil

Recentemente recibimos a visita das bibliotecarias da Biblioteca municipal infantil e xuvenil Beti e Lupe, que viñeron coñecer a nosa biblioteca e estudar connosco posibles actividades colaborativas entre os clubs de lectura. A xuntanza deu moi bos resultados, foi o punto de partida dun camiño común que emprendemos moi ilusionadas.







Comeza o club de lectura de 1º ESO


No club de lectura de 1º ESO teñen présa por comezar, e a pesar dos exames xa escvolleron a súa primeira lectura, seguindo as recomendacións da súa profesora Sabela Prieto. 



 

mércores, 16 de novembro de 2022

Novo curso, novos clubs!


Este ano comezamos con novos azos dando a benvida aos sete clubs de lectura do Eusebio. 

Nestas datas estamos organizar as xuntanzas, actividades e primeiras lecturas, e en breve mergullarémonos de novo no universo lector. Estes son os nosos clubs:

  • 1º ESO, club de lectura en lingua galega, profesora Sabela Prieto González (Departamento de Lingua Castelá e Literatura). Baixo os lemas: “Contra toda discriminación” e “Mulleres na nosa historia”.
  • 2º ESO, club de lectura en lingua galega, profesoras Vitoria Sánchez Regueiro (Lingua e Literatura Galegas), Eva Fernández Sieira (Lingua Castelá e Literatura) e Belén Sotelo García (Xeografía e Historia). Baixo os lemas: “Contra toda discriminación” e “Mulleres na nosa historia”.
  • 3º ESO, club de lectura en lingua francesa, profesora Mª José Barreiro López (Lingua Francesa). Baixo o lema “Au bonheur de lire”.
  • 4º ESO, 1º e 2º Bacharelato, club de lectura en galego, profesora Dulce Fernández Graña (Lingua e Literatura Galegas). Aberto á participación de adultos, profesorado, PAS e familias. Baixo o lema “Racha cos prexuízos, proba en galego”.
  • 1º BACH, club de lectura de Ciencias, profesor Manuel Varela Domínguez (Bioloxía).
  • ESO, club de lectura para alumnado con NEE e inmigrante, profesora Maite Reigosa Fernández (Orientación Educativa).
  • 1º e 2º Bacharelato, ciclos FP, ESA (quenda de tarde), club de lectura en lingua francesa e LGBT, profesor François Davo (Lingua Francesa).
Animádevos a vir. Vémonos na biblio!









luns, 4 de xullo de 2022

Remate do curso

 Para rematar este curso repartimos entre o alumnado participante no club de lectura unhas libretas de agasallo enviadas desde a Asesoría de Bibliotecas escolares. 

O curso que vén repetimos. Bo verán!



xoves, 16 de xuño de 2022

Obradoiro de encadernación con Manchea

O luns 13 de xuño tivemos a oportunidade de pasar a tarde aprendendo a encadernar e elaborando un caderno propio con diversas técnicas xaponesas. Tono Galán e Laura Sánchez da editorial Manchea foron guiándonos paso a paso nun obradoiro moi produtivo, e despois de hora e media de traballo quedáronnos uns cadernos superchulos de elaboración artesanal e artística. 

Moitas grazas Manchea, para o curso que vén repetimos!
































venres, 8 de abril de 2022

Segunda constelación, Xemelgos... ou xemelgas?

Cos clubs de lectura de 2º, 3º e 4º ESO e 1º e 2º de BACH estamos a traballar na elaboración da segunda constelación literaria, Xemelgos... ou xemelgas? formada por libros contra a discriminación. Polo momento vai indo ben, pouquiño a pouco.

E xa está rematada. Recóllense nela os libros que fomos lendo arredor da temática contra a discriminación, tanto de xénero como social (Senlleiras, Maxina, Persépole, O diario violeta de Carlota, Os nenos da varíola, As malas mulleres, Denébola a Roxa, O libro do mal amor, A cabeza de Medusa, O inferno de Marta, Masculino singularPequena historia da Coruña...). Quedounos moi chula e aprendimos moito.