luns, 25 de abril de 2016

Lendo Banda Deseñada galega e máis...

A BD galega atrae moitos lectores e lectoras que foxen das novelas, relatos ou outro tipo de libros máis densos. Por iso propuxemos no noso clube "Libros abertos" unha serie de BDs para descubrirmos o que temos a carón de nós e que descoñecemos por completo, aínda que sabemos de autores e tendencias de BD que se fan a miles de quilómetros de nós.

De Miguelanxo Prado, coruñés universal, A mansión dos Pampín e De profundis.

De Pepe Carreiro, da serie "Os Barbanzóns", A noite do Samaín, Baroña ou morte e A noite das cacharelas.

De Paco Roca, Engurras e María.

E finalmente Cartas de inverno en versión novela gráfica e a novela A viaxe de Gagarin, para os e as incondicionais devoradores de novelas, do noso prolífico Agustín Fernández Paz.



"Os soños fóra da gaiola"

Por fin, moi pertiño do día do libro, o venres 22 de abril realizamos a nosa actividade de animación á lectura para os máis pequenos. Os compoñentes do clube de lectura "Libros abertos", despois de documentarnos sobre a obra de Manuel María (a quen se lle dedican as Letras Galegas este ano 2016), e de realizar diversos traballos plásticos de representación de poemas, fomos ao CEIP Torrente Ballester onde celebramos unha superxuntanza lectora co alumnado de Educación Infantil, de 3, 4 e 5 anos.

Comezamos presentando brevemente a biografía de Manuel María para centrarnos deseguido no poemario Os soños na gaiola. A continuación, os alumnos e alumnas presentaron os seus murais cos poemas do libro aos nenos e nenas, que se mostraron moi interesados e felices.

Despois elaboramos unhas máscaras de vaca mentres o alumnado de 1º ESO recitaba e cantaba poemas do autor. Rematamos o acto aprendendo entre todos o retrouso da canción "A vaca" en lingua de signos e cantándoa todos xuntos ao son da música de Canta o cuco, precioso librodisco dos imparables Uxía Senlle e Magín Blanco.

Resultou unha actividade preciosa e chea de alegría e bo entendemento; pasámolo en grande, todos porque a lectura nos une, por riba das diferenzas de idade ou intereses.

Repetiremos!