luns, 1 de xullo de 2024

CLUB DE 4º ESO, A PORTA VIOLETA DE LUÍSA VILLALTA

O club de 4º ESO levou a cabo unha última actividade como homenaxe a Luísa Villalta neste ano en que se lle dedican as Letras Galegas. Decoraron a porta da clase cos seus traballos realizando unha colaxe arredor da súa figura que lles quedou moi chula. 

Animado pola profesora de Lingua Galega e Literatura Dulce Fernández Graña, este club desenvolveu actividades de setembro a xuño no primeiro recreo dos venres arredor de lecturas doadas para facilitar o contacto coa lingua galega de alumnado con dificultades de aprendizaxe e/ou procedente do estranxeiro. Participaron 6 alumnas/os de 4º ESO E, do Programa de Diversificación Curricular.

En colaboración co equipo da biblioteca, e a petición do alumnado do propio club, realizouse unha formación de usuarios para o alumnado de 4º ESO. Ademais este club formouse e colaborou nos labores de xestión e dinamización da biblioteca a través do programa Bibliotecas Solidarias, polo que recibiu un diploma acreditativo de 15 horas de voluntariado como axudantes na biblioteca.

As lecturas realizadas ao longo do curso foron:

-Cuando Hitler robó el conejo rosa, de Judith Kerr (castelán).

-Microalgas. O mundo oculto, de Xulia Pisón (galego).

-Microalgas. O mar de Ardora, de Xulia Pisón (galego).

-Microalgas. Máis alá da terra, de Xulia Pisón (galego).

-Roxín Roxal, a daga do conde, de Manel Cráneo (galego)

-Poemas e A chave do tempo , de Luísa Villalta (galego).

-22 segundos, de Eva Mejuto (galego).

-Pequena historia da Coruña, de Xosé Alfeirán e Xosé Tomás (galego).

-Selección de poesías de Álvaro Cunqueiro (galego) e Bécquer (castelán).

Realizaron moitas actividades, como o obradoiro de Fotopoesía co poeta François Davo, entrevistas ao fotógrafo Gustavo García Roig e á escritora Eva Mejuto, roteiros literarios pola Coruña e Betanzos, participaron no Maratón Solidario Rosalía de Castro, levaron a cabo actividades de escrita creativa polas Letras Galegas en homenaxe a Luísa Villalta, un pódcast no Día da Poesía, a reportaxe Coruñeando sobre a vida cultural coruñesa, publicada na Voz de Galicia dentro do programa Prensa-Escola, pero a mellor de todas foi a excursión final a Betanzos co club do CPI Virxe da Cela de Monfero. 


Con este labor despídense do curso e do instituto. Agasallámoslles un pendrive coas fotos deste ano como lembranza e desexámoslles moita sorte para o futuro. Dámoslles mil grazas pola súa colaboración.