mércores, 2 de xullo de 2025

CLUB DE LECTURA DE CONTACONTOS DE 3º ESO

 


Con alumnado de 3º da ESO, as profesoras Cristina Conde e Sabela Prieto do departamento de Lingua Castelá e Literatura, levaron a cabo un obradoiro de contacontos no que achegaron o alumnado ás técnicas da narración oral, á arte dos contacontos e ás súas posibilidades, para achegar ao alumnado a lectura dun xeito entretido, co obxectivo de conseguir un produto final. Os textos lidos foron materiais do fondo da biblioteca do centro.

Xuntouse un grupo de doce alumnas no recreo dos martes e leron contos, tanto clásicos como modernos, reflexionaron sobre a ensinanza dos mesmos e fixemos lecturas teatralizadas.

Como se fixo nos dous cursos anteriores, a idea era levar os contos preparados aos colexios da contorna pero, por motivos alleos á nosa vontade este curso non puidemos facelo. Este produto final queda pendente para o seguinte curso escolar.

Houbo un obradoiro específico de dúas horas de duración con Alba Peñasco, auxiliar de biblioteca infantil, especialista na realización de contacontos e profesora na Facultade de Educación, que deu a coñecer os diferentes xeitos de interpretar obras e contos para un público infantil.

A valoración do club de lectura foi moi positiva e queda constancia de que tanto o alumnado como as familias opinan o mesmo. Estas lecturas compartidas conseguen que se aprenda moito as unhas das outras e permiten tocar temas fundamentais na adolescencia. As reunións realizadas este ano foron un éxito, polo que o vindeiro curso seguirá o traballo e tratarase de compartir coa comunidade educativa os contos traballados.

No mes de xuño, durante a última semana de clases, o estudantado do club de lectura acudiu a unha actividade complementaria na Sede Afundación para participar na experiencia inmersiva de realidade mixta Hábitats. Natureza estendida.




Ningún comentario:

Publicar un comentario