Preparando a saída literaria a terras do Eume e dos Andrade, coñecimos o Cancioeiro de Monfero de Xosé Mª Álvarez Blázquez, un poemario neotrobadoresco que constituíu unha das maiores e mellores bromas da historia da literatura galega. O seu autor, grande coñecedor da nosa literatura medieval, compuxo esta obra ao modo neotrobadoresco, isto é, imitando o estilo das cantigas de escarnio e maldizer, e anunciou á intelectualidade da época que descubrira un cancioneiro medieval oculto no Mosteiro de Monfero e transcrito por un monxe que alí habitaba. O poemario foi acollido con moitísimo interese e ninguén descubriu que os poemas non eran tan antigos como Álvarez Blázquez pretendía. Finalmente, o propio autor decidiu desvelar a verdade que, segundo confesou, non esperaba que quedase agachada durante tanto tempo.
No club de lectura de 1º ESO leron os poemas e prepararon un recital dalgunhas destas cantigas, e o alumnado do club de lectura de 1º bach e 4º ESO traballou na historia do proceso de publicación desta obra por parte do seu humorístico autor. Na excursión, unha vez reunidos na xuntanza no Mosteiro, realizouse o recitado dos poemas e a explicación da obra e do seu autor.
Aquí podemos ver unha mostra, unha cantiga de escarnio con María Balteira e Pero de Ambroa como protagonistas.
[PERO AMIGO?, ROI PAES DE RIBELA?]
María Balteira, da saya çintada,
foy por guanhar mui boa soldada
ena sazón que se fezo cruzada.
Por én, bailemos aquesta bailada.
Pero d'Ambroa quis [guanhar] perdón
e logo lli deron Bal[teira] per don,
porque tragese levado o pendón.
Por én, bailemos aqueste bóo son.
[María] Balteira e Pero d'Ambroa
[foron] guanhar perdón e coroa,
que mui mais valen que vinho e boroa.
Por én, bailemos bailada mui boa.
Pero d'Ambroa e María Balteira
punhan agora pela deanteira
et per cousir quen chus se marteira.
Por én, bailemos bailada legeyra.
(C.M., 25)
Ningún comentario:
Publicar un comentario