venres, 26 de xaneiro de 2024

Visita á Biblioteca Municipal Infantil e Xuvenil

O xoves 11 de xaneiro o club de lectura de 4º ESO asistiu a unha visita guiada pola biblioteca Infantil e Xuvenil de Durán Loriga a cargo das bibliotecarias Lorena e Betty.

Primeiro faláronnos das bibliotecas municipais como centros de recursos gratuíto á disposición da cidadanía, e esta en especial para o público infantil e xuvenil; informáronnos sobre a posibilidade de facerse socio de forma completamente gratuíta e de como facelo. Ademais presentaron as numerosas actividades que levan a cabo para dinamizar a biblioteca e fomentar a lectura, especialmente o club de lectura Elclú, dirixido a adolescentes, os martes de 18:30 a 19:30.

Seguidamente presentaron unha serie de xogos de mesa moi interesantes, de recente incorporación á biblioteca. Participamos nunha mini-partida de Ikonikus, un xogo ben divertido para identificar e expresar as nosas emocións a partir dun texto literario. Para rematar, percorremos libremente a biblioteca curioseando todo o material que alí hai, e como non, fixémonos socias e socios.

Agradecemos a Lorena e Betty a amabilidade e dedicación que sempre nos dedican. Convidáronnos a volver cando quixésemos, e xa estamos desexando repetir.

                                            Dulce Fernández Graña, coordinadora dos Clubs de Lectura do IES Eusebio da Guarda









Ningún comentario:

Publicar un comentario