O alumnado de 4º ESO E realizou nestas últimas semanas do trimestre unha serie de visitas aos museos da cidade, dentro do proxecto Coruñeando que se desenvolve este curso no noso centro desde a biblioteca.
Para comezar, visitaron a exposición Encontros na Casa Museo Casares Quiroga, onde o fotógrafo Gustavo García Roig lles ofreceu unha visita guiada, na cal foi explicando o proceso de creación das imaxes que compoñen a serie, tanto das tomadas en Puruchuco (Lima, Perú), como no dolmen de Axeitos (Ribeira, Galicia). A través da evocación do pasado, as imaxes transmiten a visión de dous lugares hoxe deshabitados mais que antigamente teñen servido como vivenda, lugar de reunión ou de rituais funerarios. Os dous lugares foron o foco de intensas actividades humanas, e hoxe as sombras das árbores no dolmen de Axeitos suxiren que ese espazo segue estando habitado.
Finalmente, Gustavo García Roig comentou como sentiu a necesidade de integrar a poesía coa imaxe, para o cal contou coa colaboración do poeta François Davo, quen soubo captar perfectamente a esencia dos dous lugares e percibiu os vestixios dos seres que os habitaron ou que seguen habitándoos, pois a gardiana, a cerva ou a egua percíbense na pedra, nas sombras, na claridade, e mesmo nos parece velas danzar.
Días despois, François Davo realizou un obradoiro na aula no cal descubrimos entre todas/os novas formas agachadas na pedra do dolmen, así como na arquitectura da construción de Puruchuco.
Outra interesante visita foi a da Casa Museo Picasso, e para rematar, o xoves 21 irán ao Museo Arqueolóxico do Castelo de Santo Antón.
Nesta ligazón de prensa-escola podedes atopar unha interesante reportaxe sobre este saudable tema, Coruñeando, realizado polo alumnado de 4º ESO E.
Felices festas!
VISITA Á EXPOSICIÓN ENCONTROS, CASA MUSEO CASARES QUIROGA
Ningún comentario:
Publicar un comentario