mércores, 1 de febreiro de 2023

22 segundos, de Eva Mejuto

De primeiras é un bo libro: relativamente curto, sen un número excesivo de personaxes,
sen nomes complicados ou moi semellantes entre eles e un bo uso do galego. Non obstante,
precisamente nestes puntos, de entrada positivos, radican os seus puntos febles.

O primeiro: a súa lonxitude. Que un libro sexa curto non é sinónimo de que non sexa bo.
Moitas veces isto é ao contrario. Non obstante, esta obra falla en manter a súa narración de
forma adecuada. O protagonista está a contar as súas vivencias ao longo de anos dende unha
perspectiva futura e, polo tanto, sen un gran número de detalles. Porén, iso non
xustifica a absurda velocidade coa que observamos pasar dun evento a outro. Hai moitos
momentos que claramente necesitarían un pouco máis de tempo para procesar o que o
personaxe medite, aínda que sexa durante unha páxina. Por riba disto, o tamaño da letra e o
espazado entre liñas é excesivo. Pódese deixar pasar que os capítulos sexan tan curtos, mais
isto está pisando a liña do permisible. Ademais, practicamente tódolos capítulos rematan ao
comezo da páxina, e o reservo tamén está en branco. É dicir, o libro é en realidade incluso máis
curto do que aparenta a simple vista.

Seguindo a liña das incongruencias na narración, non me parece serio que o autor queira que creamos que existe unha lei do karma tan clara. Literalmente cada vez que pasa algo relativamente bo, ségueo algo catastrófico: o protagonista pregúntase que quizais non se considera unha rapaza? O avó cae enfermo. Non só iso, senón que é unha enfermidade moi dolorosa e complicada de curar. Entón, por que (e cito) milagrosamente se recupera? Pois unicamente para empeorar de súpeto no momento en que o protagonista lle di á súa nai por fin que é trans. E por suposto, o avó morre xusto cando xa se acepta por completo a si mesmo. Acaso o karma a ten tomada co pobre rapaz? Por riba disto, a maioría destes eventos se agrupan nos mesmos capítulos. Sepáranos dúas semanas? Non: suceden o mesmo día. E a autora queda así de fresca.  Por outra banda, na segunda metade do libro, vese que a autora tiña moitas ideas pero non quería prolongalo. É unha tristeza que o que nun primeiro intre prometía tanto remate sendo insuficiente.

Outro punto: os personaxes. Moi poucos, a maioría sen apenas aparicións. O peor? As máis relevantes teñen unha mala construción e/ou evolución. Vou poñer un único exemplo: Anxo, o capitán do equipo de fútbol na primaria. Ten unha gran rivalidade co protagonista e, de súpeto, ao comezar a secundaria xa son amiguiños. Que pasou que non nos contan? Sinceramente espero que a autora non estea a esperar que o lector crea que o paso á secundaria xustifica calquera cambio no comportamento. A ver, que a obra está dirixida principalmente a adolescentes; que eu mesma pasei por ese cambio de escola a instituto e podo dicir con firmeza que non hai un momento máxico ao entrar polas portas da secundaria que fai “puf, pim, pam, pum” e xa está, un madura. Eu e calquera estudante ao que se lle pregunte o sabe.

Estou segura de que os adultos tamén o saben, especialmente o profesorado. Entón, que pasou? Esqueceuno ou non lle deu importancia? Quizais, e unicamente se intento pescudar a xustificación, poidamos apelar ao sentimento de grupo, pertenza, piña, etc. Pero non semella realista que os insultos que Anxo profería contra o protagonista no colexio, de repente sexan inadmisibles cando os din outros do instituto. Se nin sequera podemos dicir que non se viran nos tres meses de vacacións, que viven na mesma vila. E ademais nunha vila pequena.

En resumo: o personaxe non parece ben construído. O seu comportamento e accións non se xustifican. Podo diseminar isto a través doutros personaxes (como a nai, que a comezos da páxina non comprende o cambio de rapaza a rapaz do seu fillo e, milagrosamente (igual de milagroso que os xiros dramáticos da enfermidade do avó) sete liñas despois enténdeo e acéptao completamente.

Finalmente: a linguaxe. En realidade non creo que teña nada negativo. É agradable de ler. Non obstante, algunhas expresións non semellan ser doadas de comprender para alguén que estea a estudar galego, ou que non o escoite a diario. Por suposto, isto pode ser unha paranoia miña. Finalmente, eu diría que a lingua que emprega é o mellor da obra, o que a salva e permite que lle dea un aprobado con marxe.





Elba Mencía Cardesín, 1º Bach B (club de lectura en lingua galega de 4º ESO e Bach).

Ningún comentario:

Publicar un comentario