O pasado xoves 12 de decembro o alumnado de 3º ESO E que integra o Club de lectura, realizou a xa tradicional visita á Biblioteca Infantil e Xuvenil de Durán Loriga, acompañado da súa profesora do Ámbito Lingüístico e Social, Dulce Fernández Graña.
Como vén sendo habitual, fomos marabillosamente recibidos polas bibliotecarias Lorena e Betty, que nos explicaron o funcionamento da biblioteca e as diferentes posibilidades que nos ofrece, tanto como lugar de estudo e traballo como aproveitando os recursos que nos ofrece, presenciais e virtuais.
Tamén nos explicaron a maneira de facer se socia/o, que é completamente gratuíta, e que pode levarse a cabo en calquera bilioteca municipal por medio do DNI, pasaporte, tarxeta de residencia ou tamén coa tarxeta Milennium, a mesma que serve para o transporte urbano.
E como non, coñecimos as interesantes actividades e obradoiros que se organizan nela, especialmente o Club de lectura de 13 a 16 anos “O Ensanche”, que ten lugar os martes ás 18:30 cada dúas semanas, e no que aínda quedan prazas libres!
Presentáronnos materiais impresos e electrónicos, e tamén algúns dos xogos educativos que teñen na biblioteca ao dispor do público. Despois de botarmos unhas partidas de Ikonikus, un xogo de mesa ben interesante e arrequecedor, percorremos as diferentes seccións da biblioteca e fixemos a tradicional foto de grupo.
Máis unha vez, comprobamos que as bibliotecas son lugares abertos á cidadanía onde podemos viaxar ao mundo enteiro grazas aos seus recursos, e descubrir novos universos para o noso lecer.
Moitas grazas Lorena e Betty. Volveremos!
Club de lectura
Ningún comentario:
Publicar un comentario