Na primeira avaliación lemos a colección Heartstopper, que conta con cinco tomos de novela gráfica, e tamén lemos as súas secuelas (en castelán).
Na segunda avaliación lemos e compartimos O diario vermello de Carlota, que fala da sexualidade, O diario azul de Carlota, centrado na violencia de xénero, e O diario violeta de Carlota, que nos introduce no feminismo (en galego). Cada unha de nós lía un dos diarios e nas reunións compartiamos o que iamos aprendendo. Ás veces tamén levamos fragmentos que nos chamaran a atención para comentalos entre todas.
Na terceira avaliación lemos dúas obras elixidas pensando no encontro que tivemos co club de lectura de Monfero: No corazón do bosque e O segredo de Al Eume (en galego).
Ao longo do curso realizáronse contacontos en varios CEIP, Franciscanos, Labaca, Concepción Arenal e Eusebio da Guarda. Elaboraron os monicreques e o vestiario necesario para representar e dramatizar os seguintes textos seleccionados dos fondos da biblioteca:
-Os chibos chibóns (galego)
-Orellas de bolboreta (galego)
-A cebra Camila (galego)
-Cerca (galego)
-Once damas atrevidas (castelán)
-Caperucita, de Roahl Dahl (castelán)
-Ricitos de oro, de Roahl Dahl (castelán)
Elaboraron uns marcapáxinas para agasallar ao alumnado do club de lectura de Monfero no encontro en Betanzos.
A valoración do club de lectura foi moi positiva e teño constancia de que tanto o alumnado como as familias opinan o mesmo. Estas lecturas compartidas conseguen que aprendamos moito as unhas das outras e permítennos tocar temas fundamentais na adolescencia. As actividades realizadas este ano foron un éxito, e gustaríame que tivesen continuidade o próximo curso.