O luns 24 de febreiro de 2025 o IES Plurilingüe
Eusebio da Guarda celebrou o seu tradicional Maratón de lectura no
Día de Rosalía. É unha actividade que ten como finalidade fomentar
a lectura oral entre a comunidade educativa do centro; alumnado,
profesorado, familias e persoal non docente, poden colaborar ao
longo de todo o día.
Asemade, é un maratón solidario porque os/as
lectores/as poden entregar unha cantidade voluntaria que será doada
á Cociña Económica, que actualmente atravesa serias dificultades
para levar adiante o seu indispensable labor social.
O
Maratón solidario de lectura vénse
facendo desde 2014 arredor
da data de nacemento de Rosalía de Castro, polo
que este
ano celebramos a XI edición do mesmo.
Ao
longo da xornada, tanto de mañá como de tarde-noite, e mesmo ao
mediodía, alumnado
de todos os niveis asistiu
ao salón de actos acompañado
polo seu profesorado para
ler textos, recitar poemas, interpretar
anacos teatrais, ler achegas científicas, o
que se quixo
e no idioma que se desexou.
O
importante é facelo
con
interese
e ilusión,
lendo en grupo ou individualmente, acompañados de música, baile,
canto, explorando as mil e unha posibilidades que a lectura nos
ofrece
e que Rosalía nos transmitiu nos
primeiros versos dos
seus
Cantares
gallegos:
“Has
de cantar, meniña gaiteira,
has
de cantar que me morro de pena!”
A
nosa Rosalía
ben o sabía, a lectura e o canto alegran o espírito e abren a porta
a unha
infinidade de mundos por descubrir.
Por iso, neste ano 2025 en que homenaxeamos polas Letras Galegas as
cantareiras e o noso cancioneiro oral popular, esa obra, Cantares
gallegos,
cobra aínda máis importancia como referente cultural para nós,
galegas e galegos, que
lemos e cantamos para sermos máis felices, e levamos facéndoo desde
as cantigas medievais aos días de hoxe. Galiza
canta con voz de muller.
Por
iso animamos a toda a comunidade educativa a participar
preferentemente en galego nesta actividade, pois
xa que
estamos no ano Castelao, outro xenio da nosa cultura, lembremos
que, nas
súas palabras,
“Se
aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma”.
Todas as fotos na seguinte ligazón:
https://www.edu.xunta.gal/centros/ieseusebioguarda/node/2044
Coordinación dos Clubs de Lectura
Vicedirección do IES Plurilingüe Eusebio da Guarda