sábado, 30 de marzo de 2024

Entrevista ao poeta François Davo no día da poesía

Con motivo do Día da Poesía, no club de lectura de bacharelato, Beatriz, Samuel e Claudia entrevistaron o poeta François Davo, profesor de Francés no noso instituto; François explicounos o que significa para el a poesía desde a súa propia experiencia, ensinounos os seus libros e recitou para nós un dos seus poemas.

Aínda que naceu en Le Mans (Francia), leva vivindo na Coruña desde o 2000. Recibiu o premio Esquío de poesía en 1993 coa obra Diario de la lluvia, recentemente traducida ao galego e reeditada en edición bilingüe (Diario da choiva / Diario de la lluvia, ed. Alenta, 2021). Tamén escribiu O inmóbil impaciente (Espiral Maior, 1996) o libro de artista 4 voltas (2014) en colaboración con Tono Galán, e Ónix, abrollar (Espiral Maior, 2018).

Feliz Día internacional da Poesía por moitos anos!


                            




venres, 22 de marzo de 2024

Día da poesía nos clubs de lectura

Celebramos o Día da Poesía no club de lectura de 4º ESO E estreando a radio para gravar varios audiopoemas recitados e comentados polo alumnado. Gustavo Adolfo Bécquer e Álvaro Cunqueiro voaron nas ondas radiofónicas grazas ás voces de Noa, Aurora, Gerrard, Jhostin, Estela e Mara.


No club de lectura de bacharelato celebrámolo tamén cunha lectura poética na biblioteca do alumnado, acompañada da exposición dos libros escollidos. Esta vez foron os versos de Luz Pozo Garza, Pablo Neruda, Curros Enríquez, Manuel María, Rosalía de Castro, Ana Fernández ou François Davo os que encheron de sensacións sonoras a biblioteca nas voces de Noa, Carla, Silvina, Irene, Marta, Katia, Andrea, Natalii, Héctor, Sara e Yara.

https://www.canva.com/design/DAF7ceMA1V8/vx8-H6TFf61w-b2PLa46cQ/edit?utm_content=DAF7ceMA1V8&utm_campaign=designshare&utm_medium=link2&utm_source=sharebutton









Feliz Día internacional da Poesía por moitos anos!


Nova lectura no club de bacharelato

 Unha vez completada a lectura de Senlleiras, e comentados os aspectos que máis nos chamaron a atención desta obra senlleira (nunca mellor dito), comezamos nova lectura.


Cinza, de Manel Cráneo, é unha novela gráfica baseada na novela A nosa cinza, de Xabier Alcalá. Ambientada no Ferrol da posguerra, cóntanos a transición entre a infancia, a adolescencia e a adultez do mozo protagonista. A ver que tal!

Maratón de lectura Rosalía de Castro

O venres 23 de febreiro celebrouse no instituto o Maratón de Lectura Rosalía de Castro, co gallo da conmemoración do nacemento da nosa principal autora. Os clubs de lectura da ESO participaron activamente realizando lecturas tanto da nosa benquerida escritora homenaxeada como doutras interesantes obras e autores/as. Unha xornada en que o noso salón de actos se encheu de literatura, lectoras e lectores que ateigaron de paixón coas súas voces o noso salón de actos.