martes, 19 de decembro de 2023

4º ESO E CORUÑEANDO POLOS MUSEOS DA CIDADE

O alumnado de 4º ESO E realizou nestas últimas semanas do trimestre unha serie de visitas aos museos da cidade, dentro do proxecto Coruñeando que se desenvolve este curso no noso centro desde a biblioteca.

Para comezar, visitaron a exposición Encontros na Casa Museo Casares Quiroga, onde o fotógrafo Gustavo García Roig lles ofreceu unha visita guiada, na cal foi explicando o proceso de creación das imaxes que compoñen a serie, tanto das tomadas en Puruchuco (Lima, Perú), como no dolmen de Axeitos (Ribeira, Galicia). A través da evocación do pasado, as imaxes transmiten a visión de dous lugares hoxe deshabitados mais que antigamente teñen servido como vivenda, lugar de reunión ou de rituais funerarios. Os dous lugares foron o foco de intensas actividades humanas, e hoxe as sombras das árbores no dolmen de Axeitos suxiren que ese espazo segue estando habitado.

Finalmente, Gustavo García Roig comentou como sentiu a necesidade de integrar a poesía coa imaxe, para o cal contou coa colaboración do poeta François Davo, quen soubo captar perfectamente a esencia dos dous lugares e percibiu os vestixios dos seres que os habitaron ou que seguen habitándoos, pois a gardiana, a cerva ou a egua percíbense na pedra, nas sombras, na claridade, e mesmo nos parece velas danzar. 

Días despois, François Davo realizou un obradoiro na aula no cal descubrimos entre todas/os novas formas agachadas na pedra do dolmen, así como na arquitectura da construción de Puruchuco.

Outra interesante visita foi a da Casa Museo Picasso, e para rematar, o xoves 21 irán ao Museo Arqueolóxico do Castelo de Santo Antón. 

Nesta ligazón de prensa-escola podedes atopar unha interesante reportaxe sobre este saudable tema, Coruñeando, realizado polo alumnado de 4º ESO E.

Felices festas!

VISITA Á EXPOSICIÓN ENCONTROS, CASA MUSEO CASARES QUIROGA








OBRADOIRO DE FOTOPOESÍA CO POETA FRANÇOIS DAVO












VISITA Á CASA MUSEO PABLO PICASSO















Comezamos de novo!

                                              


Un curso máis, o Club de Lectura Libros Abertos do IES Eusebio da Guarda bota a andar con novas ilusións e lecturas. Este curso temos nada menos que SETE clubs que encarreiran as ideas e inquedanzas comúns de alumnado e profesorado. 

-Club de lectura de 1º e 2º bach, en galego.

-Club de lectura de adultas/os, LGBT, en francés.

-Club de lectura de 1º ESO, en castelán e galego.

-Club de lectura de Ciencias, en 1º bach.

-Club de lectura de ciencias en 3º ESO.

-Club de lectura de 2º ESO, en galego.

-Club de lectura fácil en 4º ESO, en galego.

As lecturas axudan a descubrir novos universos, a desenvolver as nosas destrezas innatas e a dar pulo á nosa imaxinación. 

Grazas por seguirdes no noso vieiro lector!




martes, 18 de xullo de 2023

Club de lectura de NEE

O club de lectura para alumnado con NEE, guiado pola profesora María Teresa Reigosa (Pedagoxía Terapéutica, Depto. de Orientación), non puido desenvolverse este curso debido ás dificultades para que o alumnado de inmersión lingüística acadase a suficiente soltura na comprensión lectora como para conseguir a lectura dun libro completo. Os demais non acadaron aínda a autonomía e compromiso de ler pola súa conta e xuntarse nos recreos establecidos.

Con todo, adquiríronse varios libros coa intención de traballar a lectura de forma específica con este alumnado con NEE (TEA, TDAH, dificultades de aprendizaxe, inmersión lingüística...).

- Un soño na bandexa (con pictogramas), de Marine Lorenzo Corcoba, Galaxia.

- 20000 leguas baixo dos mares (lectura fácil), de Jules Verne , Galaxia.

A profesora considera que cómpre ter un mínimo de velocidade e comprensión lectora ao que non chegaron aínda no presente curso, pero seguirán traballando o ano que vén para conseguilo.




luns, 17 de xullo de 2023

Club de lectura en francés 3º ESO

Este ano escoitamos cancións da chamada Chanson française para traballar a poesía, utilizando recursos audiovisuais e libros existentes na biblioteca ou no departamento de Francés. Gustounos moito “J’aime Paris au mois de mai” de Charles Aznavour (1965). Escoitamos a versión máis recente e cantada polo propio Aznavour e a cantante Zaz. Tamén nos gustou La complainte de la butte” (1955). Compúxoa Jean Renoir para a película French Cancan. Nós escoitamos a versión de Zaz de 2014.

En novela, lemos fragmentos de Comme un roman, de Daniel Pennac,  e Le petit prince, de Antoine de Saint Exupery, e dentro do xénero dramático, seguimos ensaiando a obra La tulipe noire, para dar forma á nosa versión teatral que prometemos estrear o próximo curso!




Club lectura 2º ESO

Para iniciar as lecturas en grupo, adquiriuse un exemplar do libro Dúas moedas de Núria Tamarit e catro exemplares de Os metrosiderais de Héctor Cajaraville, que non puido lerse este curso, pero foi escollido para ler no primeiro trimestre do próximo.

Tamén adquirimos un exemplar do poemario Alas de Serpe de Sol Mariño, coa intención de realizar unha exposición combinando poesía con fotografía ou debuxos.

O libro co que traballamos, Dúas moedas, encóntrase esgotado, polo que tivemos que dixitalizalo para que todos puidesen ter acceso a el.

O intercambio epistolar co IES de Monterroso foi feito a través do correo ordinario, para que o alumnado máis novo tivese a experiencia de enviar e recibir cartas en papel.

Finalmente, a fío do roteiro polas fragas do Eume, mercouse a obra O segredo de Al’Eume, de Pilar Ortega Pereiro, que se lerá a comezos do curso próximo por non dar tempo este.




mércores, 12 de xullo de 2023

Darwin e o club de lectura de Ciencias

No club de lectura de Ciencias realizaron varias actividades este curso arredor da figura excelsa de Charles Darwin, o investigador que dá nome ao noso laboratorio de Bioloxía acabado de bautizar.

  • A orixe das especies, de Charles Darwin:  con posterioridade á exposición das bases da teoría central da selección natural segundo Darwin, o alumnado leu capítulos do libro A orixe das especies e expuxo e debateu nas sesións as súas conclusións.

  • Realizouse un mapa instalado no corredor das aulas de bacharelato do centro no que se expoñen textos do libro Viaxe dun naturalista ao redor do mundo de Charles Darwin.

  • O alumnado preparou e realizou unha obra de teatro na que se escenifica a biografía de Darwin contada por el mesmo en catro momentos da súa vida e interpretada por alumnado de 1º de bacharelato o día 25 de maio, día da inauguración do laboratorio de Bioloxía que leva o nome de Charles Darwin. A obra está baseada no libro Autobiografía de Charles Darwin. O vídeo da obra de teatro pode verse:

  • Algúns alumnos acudiron a unha charla de Daniel Soutullo sobre a biografía de Charles Darwin realizada no centro.

                             



Picasso e Paul Éluard

O club de lectura de Adultos realizou varias actividades poéticas e audiovisuais moi interesantes e fermosas co gallo do 50 aniversario do pasamento de Pablo Picasso, exalumno do noso instituto. 

Tomando como punto de partida o poema de Paul Éluard a el dedicado, fixeron un recitado en francés e en galego no mellor escenario posible: a súa casa-museo Picasso,  na rúa Paio Gómez. Colaborou no recitado alumnado do club de lectura de 1º bach, e a tradución para galego correu a cargo do profesor François Davó.

https://www.youtube.com/watch?v=3LjxZcdTYGk&t=7s

Ademais, realizaron tamén en vídeo unha visita guiada do instituto, prestando especial atención aos recantos relacionados co pintor. O resultado é un percorrido polo edificio chea de sentimento. Para vela avec plaisir!

https://www.youtube.com/watch?v=H-huI3juvDs



Booktráilers no club de 1º ESO


No club de lectura de 1º ESO para acabar o curso realizaron uns estupendos vídeos de promoción da lectura para animar a ler aos/ás compañeiros/as de clase. Gerónimo Stilton, Fairy Oak ou La historia interminable son boas mostras deles que podedes ver a seguir. Como para non parar de ler en todo o verán! Boas vacacións!!!






Libros curiosos: Exercicios de estilo, de Raymond Queneaud


Entre os libros máis curiosos e orixinais, hai un ao que lle prestamos especial atención este curso no club de lectura de 1º Bach e 4º ESO: Exercicios de estilo, do francés Raymond Quenaud. A min sempre me pareceu un libro co que se pode aprender moitísimo sobre as formas de escribir, os recursos literarios, a gramática... dunha maneira humorística e moi peculiar. Partindo da descrición dunha situación cotiá, o relato desa mesma situación repítese unha e outra vez desde moi variadas perspectivas, formas, xéneros literarios, focalizando de cada vez un dos elementos que compoñen a mensaxe orixinal e un dos diversos puntos de vista desde os cales se pode captar. Resultou ben interesante!


Libros curiosos: Cancioeiro de Monfero, de Xosé Mª Álvarez Blázquez

Preparando a saída literaria a terras do Eume e dos Andrade, coñecimos o Cancioeiro de Monfero de Xosé Mª Álvarez Blázquez, un poemario neotrobadoresco que constituíu unha das maiores e mellores bromas da historia da literatura galega. O seu autor, grande coñecedor da nosa literatura medieval, compuxo esta obra ao modo neotrobadoresco, isto é, imitando o estilo das cantigas de escarnio e maldizer, e anunciou á intelectualidade da época que descubrira un cancioneiro medieval oculto no Mosteiro de Monfero e transcrito por un monxe que alí habitaba. O poemario foi acollido con moitísimo interese e ninguén descubriu que os poemas non eran tan antigos como Álvarez Blázquez pretendía. Finalmente, o propio autor decidiu desvelar a verdade que, segundo confesou, non esperaba que quedase agachada durante tanto tempo. 

No club de lectura de 1º ESO leron os poemas e prepararon un recital dalgunhas destas cantigas, e o alumnado do club de lectura de 1º bach e 4º ESO traballou na historia do proceso de publicación desta obra por parte do seu humorístico autor. Na excursión, unha vez reunidos na xuntanza no Mosteiro,  realizouse o recitado dos poemas e a explicación da obra e do seu autor.

Aquí podemos ver unha mostra, unha cantiga de escarnio con María Balteira e Pero de Ambroa como protagonistas.

                                        [PERO AMIGO?, ROI PAES DE RIBELA?]

                                        María Balteira, da saya çintada,

                                        foy por guanhar mui boa soldada

                                        ena sazón que se fezo cruzada.
                                        Por én, bailemos aquesta bailada.


                                        Pero d'Ambroa quis [guanhar] perdón

                                        e logo lli deron Bal[teira] per don,

                                        porque tragese levado o pendón.

                                        Por én, bailemos aqueste bóo son.
 

                                        [María] Balteira e Pero d'Ambroa

                                        [foron] guanhar perdón e coroa,

                                        que mui mais valen que vinho e boroa.

                                        Por én, bailemos bailada mui boa.

 

                                        Pero d'Ambroa e María Balteira

                                        punhan agora pela deanteira

                                        et per cousir quen chus se marteira.

                                        Por én, bailemos bailada legeyra.


                                                                    (C.M., 25)



venres, 16 de xuño de 2023

Excursión por terras do Eume e os seus monumentos


 Roteiro TORRE DE ANDRADE/ MOSTEIRO DE MONFERO/ FRAGAS DO EUME 

por Héctor Boedo Pena 1º bach F

O día 7 de xuño, como broche final ás actividades deste ano, o alumnado dos clubs de lectura do IES EUSEBIO DA GUARDA visitou, xunto aos profesores Sabela Prieto, Dulce Fernández e Manolo Varela, a Torre de Andrade, o mosteiro de Santa María de Monfero, localizado na parroquia de San Fiz, no concello de Monfero, e o Miradoiro da Carbueira, as fragas do Eume.


Alumnado e profesorado partiron dende o Eusebio da Guarda ás 8:40 da mañá e dirixíronse ata o Tiger de Juan Flórez, onde colleron o bus cara á Torre dos Andrade, a cal foi a primeira parada. Nela, a profesora Dulce Fdz. explicou o que era en realidade o lugar (unha atalaia que servía de punto de vixiancia de toda a contorna dos dominios do señorío de Andrade, e tamén cárcere) e diversas lendas. Unha conta que había un túnel que conectaba a torre e o pazo que os Andrade posuían en Pontedeume. Outra explica a razón de que lle chamen Torre da fame, pois alí se deixou morrer de fame unha parella de namorados cuxo amor non era aceptado polo ciumento señor do castelo.




A seguinte parada foi no mosteiro de Monfero, onde nos xuntamos co club de Lectura do CPI Virxe da Cela de Monfero. Alí, Elías, Tatiana e Karem, alumnos/as do CPI Virxe da Cela, xunto coas súas profesoras Paula Cadaveira López e Verónica Dopico, explicáronnos a historia do mosteiro e detallaron as lindes dos dominios dos Andrade; o alumnado dos diferentes clubs de lectura contou todo o que se fixo durante este curso.













Así mesmo, rendemos homenaxe ao poemario de Xosé María Álvarez Blázquez Cancioeiro de Monfero, recitando algúns dos poemas neotrobadorescos que o autor compuxera imitando as cantigas de escarnio e maldicer acabadas de descubrir no seu tempo. A modo de broma fixera pasar esas composicións por un cancioneiro medieval achado por el no propio Mosteiro de Monfero, o cal causou unha expectación inusitada, mais o autor tivo que desmentir tal descoberta anos despois, ao ver que ninguén cuestionaba a antigüidade dos seus propios textos. Os membros do club de lectura de 1° ESO leron varios poemas desta obra e mais unha versión do conto de Riciños de Ouro, de Roald Dahl, adaptada por eles.















Tamén o alumnado do club de lectura de Ciencias representou o inicio da obra de teatro sobre a vida, obra e viaxes do científico Charles Darwin, estruturado en diferentes momentos da súa traxectoria vital.






Despois de dar unha volta ao mosteiro, por dentro e por fóra, despedímonos dos compañeiros e compañeiras do CPI Virxe da Cela e partimos cara ás Fragas do Eume onde, tras unha ruta pola que fomos observando en directo a súa fauna e flora, chegamos ao Miradoiro da Carbueira, onde puidemos contemplar a grandiosidade do río Eume, fixemos fotos grupais e retomamos o camiño de volta.









Non faltaron as anécdotas, percances e molladuras para amenizar a saída, xa que a choiva quixo acompañarnos durante boa parte da xornada; mais iso non nos impediu quedar coa agradable sensación dos bos momentos compartidos e o desexo de repetir a experiencia no Club de Lectura o curso que vén. Chegamos á Coruña coa satisfacción de ter pasado unha fermosa xornada de convivencia lectora.