martes, 19 de decembro de 2023

4º ESO E CORUÑEANDO POLOS MUSEOS DA CIDADE

O alumnado de 4º ESO E realizou nestas últimas semanas do trimestre unha serie de visitas aos museos da cidade, dentro do proxecto Coruñeando que se desenvolve este curso no noso centro desde a biblioteca.

Para comezar, visitaron a exposición Encontros na Casa Museo Casares Quiroga, onde o fotógrafo Gustavo García Roig lles ofreceu unha visita guiada, na cal foi explicando o proceso de creación das imaxes que compoñen a serie, tanto das tomadas en Puruchuco (Lima, Perú), como no dolmen de Axeitos (Ribeira, Galicia). A través da evocación do pasado, as imaxes transmiten a visión de dous lugares hoxe deshabitados mais que antigamente teñen servido como vivenda, lugar de reunión ou de rituais funerarios. Os dous lugares foron o foco de intensas actividades humanas, e hoxe as sombras das árbores no dolmen de Axeitos suxiren que ese espazo segue estando habitado.

Finalmente, Gustavo García Roig comentou como sentiu a necesidade de integrar a poesía coa imaxe, para o cal contou coa colaboración do poeta François Davo, quen soubo captar perfectamente a esencia dos dous lugares e percibiu os vestixios dos seres que os habitaron ou que seguen habitándoos, pois a gardiana, a cerva ou a egua percíbense na pedra, nas sombras, na claridade, e mesmo nos parece velas danzar. 

Días despois, François Davo realizou un obradoiro na aula no cal descubrimos entre todas/os novas formas agachadas na pedra do dolmen, así como na arquitectura da construción de Puruchuco.

Outra interesante visita foi a da Casa Museo Picasso, e para rematar, o xoves 21 irán ao Museo Arqueolóxico do Castelo de Santo Antón. 

Nesta ligazón de prensa-escola podedes atopar unha interesante reportaxe sobre este saudable tema, Coruñeando, realizado polo alumnado de 4º ESO E.

Felices festas!

VISITA Á EXPOSICIÓN ENCONTROS, CASA MUSEO CASARES QUIROGA








OBRADOIRO DE FOTOPOESÍA CO POETA FRANÇOIS DAVO












VISITA Á CASA MUSEO PABLO PICASSO















Comezamos de novo!

                                              


Un curso máis, o Club de Lectura Libros Abertos do IES Eusebio da Guarda bota a andar con novas ilusións e lecturas. Este curso temos nada menos que SETE clubs que encarreiran as ideas e inquedanzas comúns de alumnado e profesorado. 

-Club de lectura de 1º e 2º bach, en galego.

-Club de lectura de adultas/os, LGBT, en francés.

-Club de lectura de 1º ESO, en castelán e galego.

-Club de lectura de Ciencias, en 1º bach.

-Club de lectura de ciencias en 3º ESO.

-Club de lectura de 2º ESO, en galego.

-Club de lectura fácil en 4º ESO, en galego.

As lecturas axudan a descubrir novos universos, a desenvolver as nosas destrezas innatas e a dar pulo á nosa imaxinación. 

Grazas por seguirdes no noso vieiro lector!