Roteiro TORRE DE ANDRADE/ MOSTEIRO DE MONFERO/ FRAGAS DO EUME
por Héctor Boedo Pena 1º bach F
O día 7 de xuño, como broche final ás actividades deste ano, o alumnado dos clubs de lectura do IES EUSEBIO DA GUARDA visitou, xunto aos profesores Sabela Prieto, Dulce Fernández e Manolo Varela, a Torre de Andrade, o mosteiro de Santa María de Monfero, localizado na parroquia de San Fiz, no concello de Monfero, e o Miradoiro da Carbueira, as fragas do Eume.
Alumnado e profesorado partiron dende o Eusebio da Guarda ás 8:40 da mañá e dirixíronse ata o Tiger de Juan Flórez, onde colleron o bus cara á Torre dos Andrade, a cal foi a primeira parada. Nela, a profesora Dulce Fdz. explicou o que era en realidade o lugar (unha atalaia que servía de punto de vixiancia de toda a contorna dos dominios do señorío de Andrade, e tamén cárcere) e diversas lendas. Unha conta que había un túnel que conectaba a torre e o pazo que os Andrade posuían en Pontedeume. Outra explica a razón de que lle chamen Torre da fame, pois alí se deixou morrer de fame unha parella de namorados cuxo amor non era aceptado polo ciumento señor do castelo.
A seguinte parada foi no mosteiro de Monfero, onde nos xuntamos co club de Lectura do CPI Virxe da Cela de Monfero. Alí, Elías, Tatiana e Karem, alumnos/as do CPI Virxe da Cela, xunto coas súas profesoras Paula Cadaveira López e Verónica Dopico, explicáronnos a historia do mosteiro e detallaron as lindes dos dominios dos Andrade; o alumnado dos diferentes clubs de lectura contou todo o que se fixo durante este curso.
Tamén o alumnado do club de lectura de Ciencias representou o inicio da obra de teatro sobre a vida, obra e viaxes do científico Charles Darwin, estruturado en diferentes momentos da súa traxectoria vital.
Despois de dar unha volta ao mosteiro, por dentro e por fóra, despedímonos dos compañeiros e compañeiras do CPI Virxe da Cela e partimos cara ás Fragas do Eume onde, tras unha ruta pola que fomos observando en directo a súa fauna e flora, chegamos ao Miradoiro da Carbueira, onde puidemos contemplar a grandiosidade do río Eume, fixemos fotos grupais e retomamos o camiño de volta.