Iniciativa solidaria no IES P Eusebio da Guarda en honra da escritora Rosalía de Castro, no 160 aniversario da publicación de Cantares Gallegos
O pasado luns 27 de marzo, organizado pola Vicedirección do centro e coincidindo co Día dos escritores e escritoras, celebrouse no IES P Eusebio da Guarda un maratón de lectura solidario en honra de Rosalía de Castro, unha muller que o deu todo polo seu pobo e pola súa lingua. Ademais, co gallo do 160 aniversario da publicación de Cantares Gallegos, decidiuse recuperar esta lectura ininterrompida tras dous anos sen poder facelo debido á pandemia. Esta cita literaria foi acollida con entusiasmo pola comunidade educativa, e tivo asemade unha vertente solidaria, pois serviu para recadar fondos destinados á Cociña Económica. Hai que cultivar a mente, pero tamén o corazón!
Ao longo da xornada diversos grupos de ESO e Bacharelato foron realizando as lecturas máis diversas, desde textos da homenaxeada Rosalía ata artigos de divulgación científica e tecnolóxica, mais abundaron as lecturas literarias. Leuse en grego, latín, inglés, francés, castelán e galego, e mesmo nun momento, o salón de actos acolleu a figura da propia Rosalía de Castro, que foi entrevistada polo alumnado do club de lectura, xunto coa actual directora Isabel Ruso e a coordinadora de Bacharelato Beni Vidal.
O alumnado mostrou un grande interese por esta actividade e ofrecéronse numerosos voluntarios para realizar as lecturas. Estas iniciativas ofrecen a oportunidade de homenaxear figuras destacadas da nosa literatura e achegar a mocidade á súa lingua nai, permitíndolles practicar a lectura diante dun público máis aló dos textos académicos.
Desfrutade agora desta reportaxe que desde o club de lectura realizamos sobre o evento.
https://youtu.be/vjz3TZ60B_Y
Manuel Carrasco, Elba Cardesín e Natalia Gómez
Club de lectura Libros abertos